logo sustentas

logo sustentas

sábado, 14 de diciembre de 2013

PREPARADOS, LISTOS...

Esta semana propoñíame que todo estivera a punto para que a cadea empezase a funcionar...e case o conseguimos.
Xa temos os arcóns de infantil e primaria montados (¡grazas Juanjo por arranxar a desfeita...) e as balanzas definitivas nos postos de pesada. O primeiro intento foi cun modelo dixital, pero vimos que era inadecuado pola súa fraxilidade e rango de pesada demasiado curto (os reciclabotes cheos de pilas superaban os 5 kg que como máximo admitían), así que pasamos ao modelo tradicional de cociña de resorte que nos permitía cumprir perfectamente cos obxectivos do proceso ademáis de ofrecer maior robustez e resistencia. Poden cubrir ata 10 kg medindo de 50 en 50 g. O venres 13 quedaron xa instaladas: unha no primeiro andar do edificio de primaria e outra xunto á secretaría no edificio de secundaria.
En canto ás pilas o encargado dalgunha clase xa levou a cabo a primeira clasificación, trala cal baleirou o contido no PLI de secundaria. Ao facer a clasificación démonos conta que é necesario poñer unhas luvas de látex porque algunhas pilas están en mal estado e enluxan moito. 
Temos xa que avisar ao Concello a que veña a pola primeira tanda de tapóns porque xa temos os arcóns cheos.
Neste senso confirmamos esta semana que o Concello segue a colaborar con ASPANEMI para sufragar mediante a recollida de tapóns axuda médica para Alba, unha nena con problemas graves cerebrais. O punto final da cadea nesta liña sitúase no Porriño, en Pontevedra, onde está a planta de reciclaxe de tapóns Reserplas, que recibe as nosas achegas.
En canto ás pilas, o Concello recólleas sendo o seu destino final a Sociedade Cooperativa Galega LIMCO, en Cambre, onde traballan moitas persoas que teñen unha determinada discapacidade.
Pero o máis interesante da semana foi o reparto de carteis informativos da campaña. Estaban dirixidos principalmente aos pais e nais do alumnado do centro e convidávaos a participar na mesma. Propúxenlles que colocar alomenos un cartel nun establecemento público do lugar onde vivían co fin de estender máis aló do colexio o ámbito de acción da campaña. Pero iso si, tiñan que fotografiar o cartel e o establecemento en cuestión e mandarme a foto por correo...e desde o venres empezaron a chegar as fotos ao e-mail. Incluso algúns alumnos do colexio teñen xa grupo de whatsapp compartindo información e fotos.
Déixovos o cartel e algunha fotiño de mostra das primeiras que chegaron, obras de Tania Lema e Alexis Santalla.


Un xeito curioso de publicitar a campaña. Grazas a Tania Lema.
Cartel no Café-bar-peluquería SANTOS de San Sadurniño. Púxoo Alexis Santalla.

No hay comentarios:

Publicar un comentario