logo sustentas

logo sustentas

martes, 29 de abril de 2014

TAMÉN SAÍMOS NA VOZ DE GALICIA

Aquí tedes unha mostra máis da repercusión da nosa celebración do día da ciencia no xoves pasado. Ao día seguinte, La Voz de Galicia, facíase eco do evento dentro da información referente á Feira da Plantación, na cal fixemos un segundo pase.
Aquí temos na foto a dúas alumnas explicando unha pila feita con limóns, pero lembrade que entre os distintos postos tivemos ocasión de amosar parte da nosa campaña de desenvolvemento sustentable dándolle dous usos ao aceite usado: a fabricación de xabón e de biodiesel.

lunes, 28 de abril de 2014

BIODIESEL: FIN DA VIAXE. 2º PASE PARA O PUBLICO

O domingo completamos o obxectivo de publicitar o que estamos a facer no centro sobre diversas actividades científicas, entre elas a fabricación de xabón ou biodiesel, levando a cabo como unha 2ª posta en escea, desta volta para o público en xeral, aproveitando o tirón que ten en San Sadurniño a Feira da Plantación.
E a verdade é que acudiu bastante xente ao colexio a ver que o que estabamos a facer nesta actividade e noutras relacionadas coa ciencia. 
Aquí vemos a David, Carlos, Juan, Carla e Verónica, expoñendo moi ben todos os detalles perante unha boa cantidade de xente


Por suposto o momento estelar volveu ser aquel no que introduciron o biodiesel na C15 do Concello




A xeito de resumo, a xente quedouse sobre todo co barato que era producir biodiesel e coa cantidade de vantaxes que tiña fronte ao diesel tradicional




A viaxe concluiu. Quedan só algúns flecos, como algunha repercusión na prensa ou algunha curiosidade final, pero o groso da investigación rematou. 
Queda máis que claro que o curso foi un éxito de participación e de resultados. Cremos que puxemos a primeira pedra para algo que se irá xestando nun futuro inmediato. Fixemos que un grupo de alumnos se interesase por un tema, investigase sobre el, puxera en práctica a súa síntese, redactara un informe sobre o traballado e expuxese os resultados acadados fronte ao público. Non se pode pedir máis. 
Felicitacións para todos eles


sábado, 26 de abril de 2014

SAÍMOS NA PRENSA

Un dos obxectivos que se perseguían dentro deste plan proxecta era que do traballo feito se fixese a máxima difusión posible.
Cos actos organizados o xoves co gallo do día da ciencia demos boa conta disto. Pais, alumnos e o resto da comunidade educativa puideron pasar polo colexio para comprobar o moito que traballaron algúns alumnos en varios proxectos. Mañá domingo temos outra oportunidade na "Feira da Plantación" que se celebra en San Sadurniño...alí levaremos a cabo unha segunda posta en escea para todos os que visiten a feira...QUE NON QUEDE NINGUÉN SEN SABER O QUE FACEMOS NO COLEXIO...
Pero para ampliar o círculo de información era preciso avisar á prensa. O xoves tivemos varios fotógrafos polo centro tomando instantáneas que ao día seguinte se converteron en sendas novas que apareceron na Voz de Galicia e no Diario de Ferrol. Pulsa aquí para ir á noticia directamente.
De todos os xeitos aquí tes fotos da portada do diario (¡¡¡aparecemos na portada de comarcas¡¡¡) e da noticia vista máis polo miudo.



DÍA DA CIENCIA NO COLEXIO

O xoves 24 de abril celebramos no colexio un día dedicado á ciencia.
Aproveitamos para achegar aos rapaces e rapazas do centro experiencias científicas amenas, curiosas ou divertidas.
Dentro delas había algunhas que viñan a ser unha culminación dos obxectivos propostos neste programa de sustentabilidade e paisaxe dentro do plan proxecta 2013-2014. 
Lembrade que unha das liñas abertas dentro do nosa campaña de etisustentas?...era retirar do medio algo tan prexudicial como era o aceite usado de cociña.
Co biodiesel demos unha boa alternativa e o xoves pechamos o círculo introducindo nunha furgoneta do Concello o biodiesel producido co noso aceite.
Pero por outra banda, os rapaces do grupo de Diversificación curricular (PDC de 4ºESO) explicaron o xoves cómo é posible darle outra salida a ese aceite: fabricando xabón. Aos rapaces de primaria gustoulles a idea e xa vistes neste blog que viñeron ao laboratorio de secundaria a aprender a facelo.
Aquí temos aos de PDC explicando o proceso...coa prensa ben atenta pero iso queda para a seguinte entrada.



BIODIESEL: FIN DE FESTA

Estamos chegando ao final desa viaxe que aló polo venres 24 de xaneiro empezamos con moita ilusión.
O xoves 24 de abril fixemos unha festa arredor da ciencia no colexio e nela a síntese de biodiesel a partir de aceite usado cobrou especial protagonismo. Foi un día intenso, agotador, pero reconfortante porque permitiu comprobar o moito que se traballa e o pouco que se amosa...
Os rapaces, coa axuda de nós, os profesores encargados, fixeron unha exposición do seu traballo perante o resto dos compañeiros do colexio. Tiveron que dominar os nervios, expoñer de forma clara e breve algo que ás veces non é doado de resumir, pasaron algo de frío ( o día non acompañaba...) pero fixérono moi ben.
No caso do biodiesel fixermos 3 parellas de alumnos. A primeira explicou como se prepara o aceite para a reacción, como por exemplo David, que aqui o temos empezando o proceso:


A segunda ensinounos como teñen lugar as reaccións de formación de metóxido e do biodiesel. Aquí temos a Carlos facendo o que mellor sabe, que é comunicar...nótase que lle gusta.


E a última parella ocupouse do illamento do biodiesel puro e da caracterización do mesmo, centrándose na 
medida da densidade e da viscosidade.
Por exemplo, Marta, en diferentes momentos da explicación...




Ata fixemos un poster xigante para resumir o proceso, como se estiveramos nun congreso científico e todo...
Aquí está Verónica "custodiandoo"

Un resumo visual moi expresivo é a seguinte fotografía, na que se aprecian as distintas fases no proceso, poñendo de manifesto a importancia de traballar con substancias inmiscibles e de diferente densidade:



Manolo Rey, o noso compañeiro de plástica deseñounos un cartel chulísimo, totalmente profesional


E ata trouxemos á prensa para que se fixera eco do evento. Os fotógrafos do diario de Ferrol e da Voz de Galicia estiveron por alí tomando fotos


Pasou todo o colexio por diante que seguro que algo aprendeu...


E ata recibimos unha visita que honrou o evento: Manolo Dopico, un viciño de Valdoviño que se pode dicir que foi o pioneiro da comarca na síntese de biodiesel caseiro, que xa nos viñera a dar unha conferencia en xuño pasado, e do cal aprendemos moitas cousiñas sobre esta experiencia tan magnética. Aproveitamos para darlle as grazas por pasarse polo colexio nun día tan especial para nós. Cónstanos que marchou encantado.
Aquí o tedes con Lois, o director do colexio


E ao final, culminamos a xeito de peche de ouro, todo este proceso, botando o biodiesel sintetizado nun vehículo que nos deixou o Concello de San Sadurniño de maneira desinteresada, unha furgoneta Citroen C-15. Lembrade que ese era o obxectivo: transformar algo prexudicial como o aceite usado en algo de proveito como o biodiesel. Entón...

OBXECTIVO CONSEGUIDO


Non podemos máis que felicitarnos a todos, pero sobre todo a vós: Bieito, Carla, Marta, Antón, David, Carlos, Juan, Adrián, Verónica, Nerea, Nazaret e Silvia. O esforzo pagou a pena.

viernes, 11 de abril de 2014

RESULTADOS RECOLLIDA MES DE MARZO

Xa temos o balance do mes de marzo no proceso de recollida de tapóns, pilas, clakis e cartuchos.
A conclusión é que algunhas aulas estanse a relaxar e outras seguen intensificando o proceso. En termos globais seguimos a manter un alto nivel de recollida: 
53,6 kg de pilas + 73,2 kg de tapóns + 36 cartuchos + 42 clakis
De todos os xeitos tamén se está a comprobar o feito de que os datos apuntados na folla de recollida non sempre coinciden estritamente coa realidade, sobre todo no caso dos clakis, porque o número de unidades que están a aparecer en secundaria son moi elevados e, porén, no reconto por aulas non se chegan a esa cifras. É un aspecto no que teremos que reincidir.

En infantil e primaria os resultados son estes:

Mentres que na ESO temos os seguintes
A conclusión é que as clases de 1ºB e 2ºB son claramente as máis comprometidas coa causa e manterán un interesantísimo pulso ata o final para ver que chega primeiro...  


FACENDO XABÓN: OUTRO USO PARA O ACEITE USADO

O noso compañeiro de Bioloxía e Xeología, Lois Anxo, está a traballar un tema no que ten ampla experiencia e que aos rapaces lles soe encantar. O ano pasado xa levara a cabo diversas experiencias cos rapaces de secundaria do PDC pero este ano decidimos empezar por abaixo para amosarlles ao alumnado de primaria outra maneira de aproveitar un refugallo tan nocivo para o medio ambiente como é o aceite usado de cociña. Xa coñecen que se pode facer biodiesel con él, pero agora poden comprobar como tamén se pode facer algo máis familiar: XABÓN.
Seguindo os pasos que xa coñecían as nosas avoas, os rapaces mesturaron o aceite filtrado con hidróxido sódico e auga nas proporcións axeitadas, axitaron ben e deixaron repousar un tempo nos moldes axeitados para obter diversas formas. Tamén lles engadiron esencias de laranxa, romero, café...para conseguir que uliran mellor.
Onte xoves foron os alumnos de Juan Fernández, de 5º de primaria, os que visitaron o laboratorio de secundaria e estiveron unha horiña facendo xabón coa idea de vendelo despois e recadar fondos para a excursión de fin de curso. 
Aprenderon a pesar, a medir volumes, a mesturar productos potencialmente perigosos (coas medidas de seguridade que isto  implica), pero sobre todo a traballar en grupo e transformar o aceite en xabón, non por arte de maxia, senón por arte da química...
Aquí volos deixo en diferentes momentos do proceso, coas súas luvas, cos seus clakis...





Os nosos parabéns a profesores e alumnos porque se ve que pasaron un anaco moi entretido e contribuíron un chisco máis a traballar esa conciencia ecolóxica que pretendemos que nos caracterice.

BIODIESEL: REMATANDO A CARACTERIZACIÓN DA PROBA A GRAN ESCALA

Despois de quentar ben as últimas fraccións da pota co biodiesel chegamos a illar unha masa total de 15,25 kg. Como partimos de 16,1 kg de aceite usado (no que se presupón un peso molecular medio duns 880g/mol), temos uns 18,3 moles de aceite, que terían que render, segundo a estequiometría da reacción, o triplo de moles de biodiesel (de peso molecular medio duns 295 g/mol), é dicir 16177 g. Isto supón 15,25/16,177 x 100 = 95% de rendemento.

A calidade do biodiesel producido podémola estimar por:


  • Aspecto: é bo. Transparente, bastante cristalino, cor similar ao da mel.
  • Densidade: determinouse o seu valor por medida directa co hidrómetro, obtendo un valor de 882g/L.




  • Este valor contrastouse co obtido na pesada dun matraz aforado de 100mL, obtendo unha coincidencia case total, xa que os 100mL de biodiesel pesaron 88,1 g (147,5 g -59,4 g do matraz baleiro) é dicir, densidade 881 g/L. Este valor queda perfectamente dentro do marco legal establecido polas normas europeas e americanas (entre 860 e 900 g/L) 


    • Viscosidade: empregouse o dispositivo de Cannon-Fenske para tomar medidas a 20ºC e a 40ºC. A 20ºC o tempo de paso entre marcas foi de 607 s. Como a cosntante do aparello a esa temperatura é de 0,01405, obtemos unha viscosidade cinemática de 8,5 cSt. A 40ºC o tempo medido en dous ensaios diferentes foi de 388 s e 378 s respectivamente. Tomando a media dos resultados e a constante do aparello a 40ºC (0,01403) obtemos un valor de 5,4 cSt para a viscosidade cinemática. Este valor queda un pouco por riba do establecido nas normas Europeas que fixan o máximo en 5 cSt pero entra ben nos valores esixidos nas americanas. 

    Visto o aspecto do producto final e os valores de viscosidade e densidade obtidos podemos pensar que a calidade do biodiesel producido é ACEPTABLE.

    Para concluír esta experiencia educativa só nos queda realizar o acto final que perseguiamos: alimentar unha máquina co combustible producido. Pero isto queda para despois das vacacións de Semana Santa. Botaremos parte na caldeira do colexio, tal como tiñamos como obxectivo, pero tamén intentaremos facer andar un vehículo co resto do biodiesel para probar que isto vai en serio, e a calidade do biodiesel producido é axeitada para alimentar un coche.
    Digamos que a película está concluída, pero só falta o epílogo...


    lunes, 7 de abril de 2014

    BIODIESEL: RECTA FINAL NA PROBA A GRAN ESCALA. SECADO DO BIODIESEL

    Despois de lavar o biodiesel varias veces con auga quente chegou o momento de quedarse coa fase orgánica e quentala para eliminarlle os restos de auga que puidese conter...parecía a parte máis sinxela pero presentou algñun problemiña...
    o pasado xoves 3 de marzo puxémonos a quentar na pota de inox con billa o biodiesel producido.


    A medida que quecía iamos comprobando que se formaba algunha burbulla que denotaba o paso da auga á fase vapor...tamén notamos que o medio se volvía máis transparente


    Chegamos a 115ºC e aí o deixamos 15 minutos crendo que era suficiente para evaporar toda a auga:


    Pero a nosa sorpresa foi que despois de deixalo repousar co tello posto durante un par de horas xa vimos que condensara moita auga na súa parte interna e o medio estaba moi pouco transparente. 
    Hoxe luns atopámonos con este aspecto:


    Mirade máis de preto...non se ve nin o fondo:



    Así que decidimos volver a quentar pero durante máis tempo. Incluso chegamos a uns 140ºC e foi sorprendente a cantidade de vapor desprendida (¿auga? ¿que senón?).
    Co biodiesel aínda quente, sobre uns 90ºC procedemos ao seu trasvase. Era evidente que o medio era máis transparente deixando ver no fondo un residuo negruzco sólido que poderían ser sales sódicas procedentes do xabón formado paralelamente


    Procedemos logo ao paso da pota ao bidón de polietileno de alta densidade



    Ao final metemos uns 13 kg de biodiesel no bidón



    Pero deixamos un marxe de seguridade na pota para ver que aspecto ten mañá.
    O aspecto, máis transparente, axuda a ver no fondo eses restos dos que falabamos antes


    miércoles, 2 de abril de 2014

    BIODIESEL: REMATANDO O LAVADO DO BIODIESEL DA PROBA A GRAN ESCALA

    Hoxe tocaba rematar de lavar o biodiesel obtido.
    Ao chegar ao laboratorio atopámonos co bidón no que claramente se vían as dúas fases acuosa e orgánica moi ben definidas

    En canto ao pH pasa unha cousa estraña...usando o pHmetro non damos baixado de valor 9 e pico, nin sequera neste último lavado

    Pero facendo uso das tiras indicadoras vemos que é practicamente neutro, e iso que probamos varios tipos...

    Como xa son moitos lavados decidimos rematar aquí.
    Para que o trasvase fose máis simple inclinamos un pouco o bidón e purgamos parte da auga, de tal xeito que ao volver a poñer o bidón vertical o nivel acuoso quedase un par de centímetros por debaixo da billa. Esperamos uns minutos a que repousase ben e así todo o que saíra pola billa sería principalmente biodiesel


    Iniciamos o trasvase á pota onde remataremos quentando o biodiesel para secalo



    O aspecto que presentaba o biodiesel era, de todos os xeitos, un pouco turbio aínda:


    Cando rematamos o trasvase o bidón quedou así:


    Como se pode comprobar aínda queda máis dun litro de biodiesel no bidón, pero para proceder ao seu illamento usamos métodos máis precisos a pequena escala: funil de decantación. Coa axudo dun de medio litro fumos illando e xuntando diversas fraccións de biodiesel, e puidemos comprobar unha cousa: a turbidez débese á presencia de restos de auga que conteñen xabón. Quedou de manifesto cando quentamos esas fraccións pequenas no microondas...na parte inferior acumulábase un resíduo coma este:


    O cal no dí que o quecemento final ao que temos que someter o biodiesel será crucial para obter un producto de calidade. A pota con bila cremos que nos vai vir moi ben porque despois de quentar o biodiesel a máis de 100ºC durante uns minutos e despois deixar repousar, os xabóns esperamos que se acumulen por debaixo do nivel da billa e non saian coa fracción de biodiesel. Xa veremos.