logo sustentas

logo sustentas

miércoles, 17 de diciembre de 2014

RESULTADOS DE NOVEMBRO E DECEMBRO NA ESO

A piques de rematar o primeiro trimestre poñemos os resultados da recollida feita polas aulas de secundaria. Unha análise rápida amosa que se está a producir un aumento enorme da cantidade de tapóns. Pola contra a recollida de aceite paralizouse bastante, seguramente por mor do desgraciado incidente no que perdemos moitas unidades de clakis. Agora a xente ten que traer o aceite ao colexio en botellas de plástico e resulta menos cómodo e atractivo.

jueves, 13 de noviembre de 2014

ACEITE USADO

Enviamos á nosa empresa colaboradora o aceite acumulado do final do curso pasado e o principio deste...e chegamos a ¡¡250 kg!!
Isto empeza a funcionar ;-)


PRIMEIROS RESULTADOS DE RECOLLIDA NO CURSO

Aínda nos estamos poñendo a tono pero pouco a pouco chegan os resultados. Polo de agora non todas as clases están operativas pero a maior parte xa botaron a andar e xa están recollendo pilas, cartuchos, aceite e tapóns.
Os primeiros resultados do curso correspondentes aos meses de setembro e outubro  indican que se recolleron uns 65,48 kg de pilas, 102,23 kh de tapóns, 36 cartuchos e 32 clakis. Máis polo miudo son os seguintes:



jueves, 16 de octubre de 2014

EMPEZAMOS COS RETOS


Este ano imos por en marcha unha actividade que nos vai permitir ter outro criterio máis para valorar a participación activa do alumnado na campaña. Xunto coa cantidade de material de refugallo recollido, a participación activa neste blog e a realización de actividades paralelas relacionadas coa reciclaxe, servirá para elixir á clase gañadora en secundaria. En primaria faremos algo parecido.
Trátase de unha batería de preguntas encadeadas que hai que resolver. O fío condutor será os aspectos principais da nosa campaña pero dará pé a facer preguntas paralelas que os rapaces terán que respostar buscando nas fontes que se lles ocorra.
Terán unha periodicidade mensual e aquí tedes a primeira, do mes de outubro.

martes, 30 de septiembre de 2014

OS ALUMNOS TOMAN A PALABRA...

Hoxe botamos a andar e para iso xa sabes que a fase de información é importante. Tratábase de lembrar os puntos básicos da campaña e para iso os alumnos de 3ºA colleron papel e móbil e foron pola clases de secundaria para o asunto...
Aquí vemos a Santi e a Oscar explicándose "á súa maneira" perante os de 1ºA.
Xa vedes que hai que mellorar moito, pero para ser o primeiro día e asaltalos desa maneira, non estivo mal, polo menos vése que hai gañas de facer cousas...



lunes, 29 de septiembre de 2014

AQUÍ ESTAMOS DE VOLTA...

Despois dun tempo parados por mor das vacacións e o inicio de curso, aquí estamos de novo, con ganas de empezar un ano máis a campaña de reciclaxe de materiais de refugallo no colexio de San Sadurniño.
Oficialmente comezamos a campaña o 1 de outubro, e esperamos contar coa colaboración de toda a comunidade educativa, que tan bos resultados ofreceu o ano pasado.
Aqui tedes o cartel anunciador. 
Pouco a pouco iredes descubrindo o que temos pensado para este curso. En esencia será moi similar ao anterior, porque o que nos motiva á a recollida de pilas, cartuchos, tapóns e aceite, e como iso funcionou moi ben, non hai porqué cambialo. Non obstante, este ano trataremos de incidir e mellorar noutros aspectos que quedaron algo "coxos" o curso pasado. Pero, pouco a pouco, que é como máis seguras se fan as cousas...polo de agora damos o bandeirazo de saída... 
Saúdos e benvidos ao noso segundo ano en verde.



jueves, 26 de junio de 2014

DEICA LOGO...

Isto rematou...pero esperamos que só por este ano. O compromiso do colexio co medio ambiente non pode estar ligado a unha convocatoria oficial. Ten que ir moito máis aló.
Por iso o ano que vén volveremos a traballar todos en equipo para recoller a maior cantidade posible de refugallos, de separar mellor o lixo...
Pensamos que, co tempo, poderemos conseguir que todos no colexio fagamos isto de xeito case inconsciente, algo non regulado...
Para despedir o noso primeiro ano queremos pechar o blog cun resumo musicado de toda a campaña. Eliximos a Tina Cousins para facer unha versión algo máis movidiña daquel WONDERFUL LIFE de Black, dos anos oitenta, que tanto nos gustaba...
Tal como di a canción...
no hai nengunha necesidade de agocharse...¿para qué? esta é unha VIDA MARABILLOSA ao fin e ao cabo.
O que nos queda e loitar porque siga sendo así...
Grazas a todos os que dalgunha maneira fixestes deste proxecto unha realidade e un motivo de orgullo.


¡¡ATA PRONTO!!

domingo, 22 de junio de 2014

FIN DE FESTA: O PREMIO PARA 1ºB e 2ºB ESO

Despois de 6 meses de intensa recollida de refugallos, chegou o momento de agasallar ás clases gañadoras.
1ºB de ESO foi a clara vencedora, acadando un volume de recollida impresionante. Pero 2ºB de ESO tamén tivo unha relevancia importante, amosando unha implicación moi salientable, sendo ademais a gañadora absoluta en número de cartuchos de impresora recollidos.
Foron estas, polo tanto, as clases que obtiveron o premio, que consistiu nunha xornada con gastos pagos polo centro en Redes e Cabanas.
O pasado mércores 18 de xuño levamos en bus a 24 alumnos destas dúas clases ata a preciosa localidade de Redes


Despois de pasear media horiña polas estreitas rúas deste pobo pesqueiro propio dunha postal, puxéromonos en ruta.
Comenzamos a camiñar ao longo da costa, mochila ao lombo


O sol pegaba forte, pero axiña nos metemos entre pinos e eucaliptos e a cousa se fixo máis levadeira.
Atravesamos zonas espectaculares e ata baixamos a ver os restos dun muíño de mareas


En case unha hora chegamos á praia da Magdalena en Cabanas. Nada máis chegar fixemos a foto homenaxe cos carteis identificativos da campaña de reciclaxe:


Eran iso das 12 da mañá e alí nos estaba esperando Oscar, de Firrete, que nos ía subministrar as piraguas para que os alumnos/as que o quixeran puideran subir.
Fixérono en dúas quendas, os primeiros ás 12:15h e os segundos ás 13:15h. 
A iso das 14:15h os últimos xa estaban comendo o delicioso bocadillo que nos fixeran as cociñeiras do colexio, e disfrutando de tempo para xogar na praia e darse un chapuzón, que o día convidaba a iso


Preto das 15:00h demos por rematada a xornada. Foi un día precioso, no que o pasamos fenomenal, e que pon a guinda que faltaba no pastel, despois dun campaña moi intensa, na que todos traballamos moito, pero sobre todos estes alumnos/as, que amosaron unha labor ecolóxica encomiable.

jueves, 19 de junio de 2014

ENQUISA DE OPINIÓN

Andamos a rematar a campaña e para avaliala redactamos unha enquisa para que a cubrira o alumnado e o profesorado. 
A idea era valorar algúns aspectos do proxecto en función das respostas.
Aquí vola deixo

EVOLUCIÓN RECOLLIDA

Aqui vos deixamos as táboas finais nas que se pode ver a evolución da recollida de pilas, tapóns, cartuchos e clakis durante a campaña "e ti ¿sustentas?" do curso 2013-2014.





RESULTADOS GLOBAIS DA CAMPAÑA

Remata o curso, remata a campaña de recollida. Chega o momento de facer balance, e neste caso non pode ser máis positiva.
En canto a cifras os resultados finais son os seguintes
De todos os xeitos estas cantidades foron realmente máis elevadas porque moito do material que se recolleu non pasou polo control das aulas.
No caso do aceite usado, a empresa colaboradora do proxecto retirou do colexio arredor de 865kg, o cal é unha cantidade moi significativa, un 76% máis que o curso pasado, onde se retiraran 490 kg.

RESULTADOS RECOLLIDA MAIO-XUÑO NA ESO

E aquí o que recolleron os de ESO...

RESULTADOS RECOLLIDA MAIO XUÑO EN INFANTIL E PRIMARIA

Por fin temos os resultados finais do curso para facer balance...durante o mes de maio e xuño recolleuse o seguinte en infantil e primaria

miércoles, 14 de mayo de 2014

GRÁFICAS DE EVOLUCIÓN DA RECOLLIDA

Presentamos as gráficas de recollida de pilas, tapóns, cartuchos e clakis de aceite desde que empezamos ata o de agora, para que nunha simple ollada poidades comprobar como foi evolucionando o proceso. 
Nunha análise moi simple parece que trala timidez inicial, en febreiro e marzo acadouse un punto álxido na recollida para diminuir un pouco o énfase nesta parte final...





RESULTADOS GLOBAIS MES DE ABRIL

Se sumamos os datos de todas as etapas, no mes de abril recollemos no colexio
34,95 kg de pilas +  49,15 kg de tapóns + 10 cartuchos + 21 clakis
O cal non está nada mal.
A un mes da finalización do programa deste curso levamos recollidos xa uns

200 kg de pilas, 344 kg de tapóns, 133 cartuchos e 108 clakis

Os nosos parabéns para todos; os obxectivos estanse a cumprir

RESULTADOS MES DE ABRIL EN PRIMARIA E INFANTIL

Por fin temos o total de datos da recollida correspondentes ao mes de Abril nos cursos de promaria e infantil. Son os seguintes:

Podemos observar unha diminución salientable nos resultados globais respecto a outros meses pero xustificables xa que no mes de abril tivemos a Semana Santa e houbo bastantes días sen clase.

sábado, 3 de mayo de 2014

RESULTADOS MES DE ABRIL NA ESO

Este foi un mes estraño porque tivo pouca docencia polas vacacións de Semana Santa e ademáis os rapaces e rapazas de 3º e 4º ESO tiveron a súa semana de excursión por Andalucía, o cal se reflicte nos resultados.
De todos os xeitos está claro que a clase de 1ºB é a gran protagonista desta campaña de recollida, seguida, pero xa a unha distancia considerable, pola de 2ºB.

OUTRA RESEÑA DE PRENSA

No "Diario de Ferrol" tamén fixeron referencia na edición impresa ao noso día da ciencia, o xoves 24 de abril, facendo un repaso das actividades máis importantes levadas a cabo.
Seguimos expandindo o noso campo de acción..


martes, 29 de abril de 2014

TAMÉN SAÍMOS NA VOZ DE GALICIA

Aquí tedes unha mostra máis da repercusión da nosa celebración do día da ciencia no xoves pasado. Ao día seguinte, La Voz de Galicia, facíase eco do evento dentro da información referente á Feira da Plantación, na cal fixemos un segundo pase.
Aquí temos na foto a dúas alumnas explicando unha pila feita con limóns, pero lembrade que entre os distintos postos tivemos ocasión de amosar parte da nosa campaña de desenvolvemento sustentable dándolle dous usos ao aceite usado: a fabricación de xabón e de biodiesel.

lunes, 28 de abril de 2014

BIODIESEL: FIN DA VIAXE. 2º PASE PARA O PUBLICO

O domingo completamos o obxectivo de publicitar o que estamos a facer no centro sobre diversas actividades científicas, entre elas a fabricación de xabón ou biodiesel, levando a cabo como unha 2ª posta en escea, desta volta para o público en xeral, aproveitando o tirón que ten en San Sadurniño a Feira da Plantación.
E a verdade é que acudiu bastante xente ao colexio a ver que o que estabamos a facer nesta actividade e noutras relacionadas coa ciencia. 
Aquí vemos a David, Carlos, Juan, Carla e Verónica, expoñendo moi ben todos os detalles perante unha boa cantidade de xente


Por suposto o momento estelar volveu ser aquel no que introduciron o biodiesel na C15 do Concello




A xeito de resumo, a xente quedouse sobre todo co barato que era producir biodiesel e coa cantidade de vantaxes que tiña fronte ao diesel tradicional




A viaxe concluiu. Quedan só algúns flecos, como algunha repercusión na prensa ou algunha curiosidade final, pero o groso da investigación rematou. 
Queda máis que claro que o curso foi un éxito de participación e de resultados. Cremos que puxemos a primeira pedra para algo que se irá xestando nun futuro inmediato. Fixemos que un grupo de alumnos se interesase por un tema, investigase sobre el, puxera en práctica a súa síntese, redactara un informe sobre o traballado e expuxese os resultados acadados fronte ao público. Non se pode pedir máis. 
Felicitacións para todos eles


sábado, 26 de abril de 2014

SAÍMOS NA PRENSA

Un dos obxectivos que se perseguían dentro deste plan proxecta era que do traballo feito se fixese a máxima difusión posible.
Cos actos organizados o xoves co gallo do día da ciencia demos boa conta disto. Pais, alumnos e o resto da comunidade educativa puideron pasar polo colexio para comprobar o moito que traballaron algúns alumnos en varios proxectos. Mañá domingo temos outra oportunidade na "Feira da Plantación" que se celebra en San Sadurniño...alí levaremos a cabo unha segunda posta en escea para todos os que visiten a feira...QUE NON QUEDE NINGUÉN SEN SABER O QUE FACEMOS NO COLEXIO...
Pero para ampliar o círculo de información era preciso avisar á prensa. O xoves tivemos varios fotógrafos polo centro tomando instantáneas que ao día seguinte se converteron en sendas novas que apareceron na Voz de Galicia e no Diario de Ferrol. Pulsa aquí para ir á noticia directamente.
De todos os xeitos aquí tes fotos da portada do diario (¡¡¡aparecemos na portada de comarcas¡¡¡) e da noticia vista máis polo miudo.



DÍA DA CIENCIA NO COLEXIO

O xoves 24 de abril celebramos no colexio un día dedicado á ciencia.
Aproveitamos para achegar aos rapaces e rapazas do centro experiencias científicas amenas, curiosas ou divertidas.
Dentro delas había algunhas que viñan a ser unha culminación dos obxectivos propostos neste programa de sustentabilidade e paisaxe dentro do plan proxecta 2013-2014. 
Lembrade que unha das liñas abertas dentro do nosa campaña de etisustentas?...era retirar do medio algo tan prexudicial como era o aceite usado de cociña.
Co biodiesel demos unha boa alternativa e o xoves pechamos o círculo introducindo nunha furgoneta do Concello o biodiesel producido co noso aceite.
Pero por outra banda, os rapaces do grupo de Diversificación curricular (PDC de 4ºESO) explicaron o xoves cómo é posible darle outra salida a ese aceite: fabricando xabón. Aos rapaces de primaria gustoulles a idea e xa vistes neste blog que viñeron ao laboratorio de secundaria a aprender a facelo.
Aquí temos aos de PDC explicando o proceso...coa prensa ben atenta pero iso queda para a seguinte entrada.



BIODIESEL: FIN DE FESTA

Estamos chegando ao final desa viaxe que aló polo venres 24 de xaneiro empezamos con moita ilusión.
O xoves 24 de abril fixemos unha festa arredor da ciencia no colexio e nela a síntese de biodiesel a partir de aceite usado cobrou especial protagonismo. Foi un día intenso, agotador, pero reconfortante porque permitiu comprobar o moito que se traballa e o pouco que se amosa...
Os rapaces, coa axuda de nós, os profesores encargados, fixeron unha exposición do seu traballo perante o resto dos compañeiros do colexio. Tiveron que dominar os nervios, expoñer de forma clara e breve algo que ás veces non é doado de resumir, pasaron algo de frío ( o día non acompañaba...) pero fixérono moi ben.
No caso do biodiesel fixermos 3 parellas de alumnos. A primeira explicou como se prepara o aceite para a reacción, como por exemplo David, que aqui o temos empezando o proceso:


A segunda ensinounos como teñen lugar as reaccións de formación de metóxido e do biodiesel. Aquí temos a Carlos facendo o que mellor sabe, que é comunicar...nótase que lle gusta.


E a última parella ocupouse do illamento do biodiesel puro e da caracterización do mesmo, centrándose na 
medida da densidade e da viscosidade.
Por exemplo, Marta, en diferentes momentos da explicación...




Ata fixemos un poster xigante para resumir o proceso, como se estiveramos nun congreso científico e todo...
Aquí está Verónica "custodiandoo"

Un resumo visual moi expresivo é a seguinte fotografía, na que se aprecian as distintas fases no proceso, poñendo de manifesto a importancia de traballar con substancias inmiscibles e de diferente densidade:



Manolo Rey, o noso compañeiro de plástica deseñounos un cartel chulísimo, totalmente profesional


E ata trouxemos á prensa para que se fixera eco do evento. Os fotógrafos do diario de Ferrol e da Voz de Galicia estiveron por alí tomando fotos


Pasou todo o colexio por diante que seguro que algo aprendeu...


E ata recibimos unha visita que honrou o evento: Manolo Dopico, un viciño de Valdoviño que se pode dicir que foi o pioneiro da comarca na síntese de biodiesel caseiro, que xa nos viñera a dar unha conferencia en xuño pasado, e do cal aprendemos moitas cousiñas sobre esta experiencia tan magnética. Aproveitamos para darlle as grazas por pasarse polo colexio nun día tan especial para nós. Cónstanos que marchou encantado.
Aquí o tedes con Lois, o director do colexio


E ao final, culminamos a xeito de peche de ouro, todo este proceso, botando o biodiesel sintetizado nun vehículo que nos deixou o Concello de San Sadurniño de maneira desinteresada, unha furgoneta Citroen C-15. Lembrade que ese era o obxectivo: transformar algo prexudicial como o aceite usado en algo de proveito como o biodiesel. Entón...

OBXECTIVO CONSEGUIDO


Non podemos máis que felicitarnos a todos, pero sobre todo a vós: Bieito, Carla, Marta, Antón, David, Carlos, Juan, Adrián, Verónica, Nerea, Nazaret e Silvia. O esforzo pagou a pena.

viernes, 11 de abril de 2014

RESULTADOS RECOLLIDA MES DE MARZO

Xa temos o balance do mes de marzo no proceso de recollida de tapóns, pilas, clakis e cartuchos.
A conclusión é que algunhas aulas estanse a relaxar e outras seguen intensificando o proceso. En termos globais seguimos a manter un alto nivel de recollida: 
53,6 kg de pilas + 73,2 kg de tapóns + 36 cartuchos + 42 clakis
De todos os xeitos tamén se está a comprobar o feito de que os datos apuntados na folla de recollida non sempre coinciden estritamente coa realidade, sobre todo no caso dos clakis, porque o número de unidades que están a aparecer en secundaria son moi elevados e, porén, no reconto por aulas non se chegan a esa cifras. É un aspecto no que teremos que reincidir.

En infantil e primaria os resultados son estes:

Mentres que na ESO temos os seguintes
A conclusión é que as clases de 1ºB e 2ºB son claramente as máis comprometidas coa causa e manterán un interesantísimo pulso ata o final para ver que chega primeiro...